A factura que os clientes finais recibimos por parte das nosas comercializadoras componse de varios conceptos:
- O custo da enerxía.
- Os custos regulados, que inclúen o custo das redes de transporte e distribución, o custo do fomento das enerxías renovables, o maior custo de produción nos sistemas non peninsulares ou as anualidades para recuperar o déficit de tarifas, entre outros.
- A marxe que cobra a comercializadora polos servizos que presta (como a compra de enerxía para os seus clientes ou a xestión do contrato de acceso).
- Impostos (imposto especial da electricidade e imposto sobre o valor engadido).
Ademais, algúns consumidores deberán pagar:
- Alugueiro do equipo de medida, cando non sexa propiedade do consumidor.
- Outros servizos contratados coa empresa comercializadora (servizos de mantemento das instalacións, seguros de fogar ou doutro tipo, servizos de asistencia xurídica etc.). O pago destes servizos debe estar desagregado na factura.
As empresas comercializadoras adoitan trasladar estes compoñentes de custo á túa factura a través dun termo fixo, que depende da potencia contratada, e un termo variable, que depende da enerxía consumida. As empresas comercializadoras tamén poden ofrecer outras formas de trasladar o custo, como unha cota fixa mensual.
- A facturación polo termo de potencia é fixa e depende da potencia contratada. Isto é, págase aínda que non existan consumos.
- A facturación polo termo de enerxía depende de canto se consome e do momento en que se consome, a non ser que se contratase unha fórmula de prezo fixo cunha comercializadora libre.
En calquera caso, recorda que os custos regulados se recuperan a través das peaxes de acceso ás redes e os cargos. Estes custos trasládanse á túa factura a través dun termo de potencia e un termo de enerxía. Na túa factura deben constar de forma separada a facturación das peaxes e cargos.
- As peaxes de transporte e distribución son a parte da facturación da distribuidora que cobre os custos das redes de transporte e distribución.
- Os cargos son a parte da facturación da distribuidora que cobre outros custos do sistema, como o financiamento das renovables, o sobrecusto de produción de enerxía nos territorios non peninsulares ou as anualidades do déficit.
- Tanto as peaxes como os cargos se compoñen dun termo de potencia e dun termo de enerxía. O termo de potencia é a parte fixa da peaxe e do cargo, que depende da potencia contratada; o termo de enerxía é a parte variable, que depende do consumo realizado no período.
Tanto os prezos das peaxes como os dos cargos son regulados e publicados periodicamente pola CNMC e polo Ministerio respectivamente.
Ademais, as facturas que emiten as distribuidoras ás comercializadoras poden incluír outros conceptos como son os excesos de potencia, excesos de enerxía reactiva, dereitos de contratación ou alugueiro do equipo de medida.